A Xunta amosa á ministra Calviño o modelo de FP galega, un referente de éxito a nivel nacional e exportable a outras comunidades

Ven, 10/06/2022 - 13:31

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, amosoulle hoxe á vicepresidenta primeira e ministra de Economía e Transformación Dixital, Nadia Calviño, o modelo de éxito da Formación Profesional galega, referente a nivel estatal e que é exportable a outras comunidades. Da man do titular de Educación do Goberno autonómico, a representante de Moncloa percorreu as instalacións do Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, que conta cunha ampla traxectoria nestas ensinanzas consolidadas en Galicia como unha opción de futuro profesional para os mozos grazas aos niveis de prestixio acadados.

Cómpre destacar que a FP galega experimentou unha auténtica revolución na última década avalada por datos como o incremento de matrícula dun 74% ata os 60.000 alumnos, un aumento da oferta con 10.000 prazas máis e unha taxa de inserción laboral que en modalidades como a Dual supera o 90%. Neste ascenso xoga un papel esencial o esforzo, a implicación e a motivación tanto do alumnado como do profesorado, o que tamén se traduce en confianza por parte das familias e das empresas. Para continuar por esta senda de éxito a Xunta xa ten en marcha a Estratexia FP Galicia 2030.